Ciencias da Natureza

A ciencia constitúe unha das claves esenciais para comprender a nosa sociedade e cultura especialmente nos últimos séculos. Unha sociedade cada vez máis influenciada polo desenvolvemento científico e tecnolóxico, e unha cultura na que a ciencia non só contribuíu a satisfacer os aspectos materiais das necesidades humanas, senón tamén na concepción que ten o ser humano sobre a súa existencia e sobre o mundo no que vive. Pero a ciencia non é só o corpo de coñecementos construídos polos científicos sobre os aspectos físicos e naturais; é tamén unha actividade construtiva, na que as concepcións evolucionan e cambian co tempo o ser substituídos, mediante a comprobación, por outras descricións e explicacións cada vez máis amplas, coherentes e fiables. É, por tanto, unha actividade en continua construcción.

As ciencias teñen que incorporar contidos da cultura científica que preparen ós cidadáns para comprender unha sociedade na que unha ciencia en continua evolución xoga un papel fundamental. O seu coñecemento, ademais de propoñer as bases necesarias para posteriores itinerarios educativos máis especializados, serve sobre todo neste tramo educativo, para dotar ós alumnos de instrumentos conceptuais rigorosos para comprender a realidade e desenvolver actitudes responsables que lles permitan tomar decisións racionais e libres sobre as cuestións relacionadas coa ciencia. Así mesmo, a ciencia ten que ser un elemento importante na construción do coñecemento individual sobre a propia persoa e o que a rodea, conformando e consolidando actitudes e valores que desenvolvan un estilo de vida san, crítico pero non intolerante ou dogmático, e aberto ás opinións alleas. Este enfoque establece unha aprendizaxe significativa das concepcións científicas que supón que estas pasen a formar parte do modo de pensar do alumno non só dentro do contexto da escola, senón tamén fóra dela. Polo que as aprendizaxes teñen que ter a maior vinculación posible coa realidade do alumno e o seu entorno cotián.

Para a distribución dos contidos ó longo desta etapa educativa hai que ter en conta a madurez e o desenvolvemento psico-evolutivo do alumno capaz, cada vez máis, de comprender conceptos, facer razoamentos de carácter abstracto e operar sobre símbolos e representacións formalizadas. Así, no primeiro ciclo a formulación da área é máis global, coa intención de que na aproximación ó conxunto do coñecemento dos fenómenos naturais, integre conceptos e atopen as relacións entre eles e poidan acadar unha visión articulada e coherente. No terceiro curso, as ciencias divídense en dúas materias: por un lado a bioloxía e xeoloxía e por outro a física e química, o que permite comprender as diferencias en canto ó obxecto de estudio e tamén en canto ós marcos teóricos e procedementos de busca e contraste das diferentes disciplinas que integran as ciencias. Sen esquecer que para algúns dos alumnos pode ser a última ocasión na que aborden os estudios de algunha de estas catro disciplinas. No cuarto curso, onde as ciencias seguen organizadas en dúas materias que poden ser escollidas independentemente, abórdanse aqueles contidos que teñen maior dificultade de comprensión ou que requiran unha maior formación de tipo matemático do alumno.

A navalla suíza

Utilizamos cookies para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideramos que aceptas o seu uso.