Lingua galega

O galego foi instrumento maravilloso da grande e única poesía lírica de Hispania e n-el escrebían os enxeños peninsuares -tanto de dentro como de fora de Galiza-, cando a língoa de Castela non tiña categoría literaria. O galego é un idioma estenso e útil, porque -con pequenas variantes-fálase no Brasil, en Portugal e nas colonias portuguesas. O galego rexurdeu no século pasado con poetas tan esgrevios como Rosalía, Curros e Pondal. O noso idioma ten tal fremosura que un poeta andaluz como García Lorca -o poeta mártir- non foi quén de resistir o seu engado e compuxo poemas en galego. O galego -somentes refugado pol-os señoritos ou por traballadores que quixeran ser señoritos- é hoxe o idioma que prefiren os inteleituaes como vehículo da nosa cultura; pero ainda que carecera de tantos méritos contraídos, abondaríalle ser a fala do povo traballador para estar dignificado de por sí, pois o galego é unha executoria viva do traballo e unha cédula honrosa de cibdadanía e democracia. Non esquezamos que si ainda somos galegos é por obra e gracia do idioma.

A. D. Rodríguez Castelao. SEMPRE EN GALIZA.

O traballo realizado na área de lingua galega enmarcámolo dentro de dous campos diferentes aínda que intimamente relacionados:

Dunha parte pretendemos achegar ós nosos alumnos os coñecementos teóricos e prácticos, tanto da faceta lingüística como da literaria, precisos para que entendan a lingua da súa terra e para que poidan ler, escoitar e, sobre todo, entender e expoñer, con sentido crítico, calquera texto, manifestación literaria ou situación da vida cotiá nas que o galego sexa a lingua vehicular en calquera conversa, sexa de fútbol, cine, etc., e enriquecer así o seu pensamento.

Doutra parte, pretendemos que sexan conscientes e partícipes do momento histórico que estamos a vivir, no cal todos participamos, queiramos ou non, nos pasos que a diario se dan cara á recuperación ou cara á extinción da nosa lingua. Ante o imperio da globalización e a extensión cada vez máis rápida e devoradora do inglés como lingua de comunicación mundial e colonizadora, debemos conservar o noso idioma vivo como parte importante que é da nosa cultura e, por tanto, da nosa identidade, e así evitar volver ó estado que tan ben nos expón Castelao, dos animais, que, aínda están no idioma universal.

A navalla suíza

Utilizamos cookies para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideramos que aceptas o seu uso.