Plástica

Dise, con frecuencia, que durante a adolescencia prodúcese un esgotamento da función expresiva plástica, sen ter en conta que esa deserción está alimentada polo propio sistema educativo mediante esixencias ou omisións anteriores, e fomentada polo rigor “academicista” dunha forma de entender o debuxo, que non é o uso creativo da linguaxe plástica visual.

A secuenciación ordenada de conceptos debe canalizar e respectar as necesidades expresivas dos adolescentes, sen perder de vista a súa experiencia da Área en niveis anteriores.

Que se complete coa aproximación experimental ó mundo das formas bi e tridimensionais, o mundo da cor, as distintas formas de representación plástica, o coñecemento dos procesos de representación das obras clásicas e actuais. É dicir, pasar a coñecer de forma experimental os mecanismos que rixen a percepción visual e as relacións que se establecen entre os distintos compoñentes do campo visual para transmitir unha mensaxe.

Utilizando unha linguaxe adecuada á realidade actual do mundo da obra visual, A Educación Plástica debe conseguir que o alumno poida ler, analizar e utilizar nas súas representacións os distintos códigos que configuran a mensaxe visual: o código perceptivo, código cromático, o código xestual, o código espacial, o código morfosintáctico, o código retórico, o código simbólico etc.

Por último, a non represión temática, estética ou creativa, a revitalización das necesidades actitudinais críticas e autocríticas dos alumnos e alumnas, pode e debe ser o camiño para que a Expresión Plástica se converta nunha área educativa con peso específico no desenvolvemento das actitudes creativas do individuo.

A navalla suíza

Utilizamos cookies para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideramos que aceptas o seu uso.